1. Obxecto e finalidade da convocatoria.
1.1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego
autónomo (TR341D) e proceder á súa convocatoria para o ano 2022.
1.2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas
desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en
Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos
gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.
1.3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de
colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen
desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive.
1.4. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis. Isto implica que se deberá garantir
que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime
de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para
as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000
euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimistotais que se concedan a unha
mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres
exercicio fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000
euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de
axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE)
1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.
2. Persoas beneficiarias e requisitos.
2.1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou
en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de
colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive,
como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes
condicións:
a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo
de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade
Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
b) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
Para os efectos deste programa entenderase como data de inicio da actividade laboral a de
alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na
mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figura recollida no documento de
alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.
c) Desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia
(segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios
da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
d) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
e) Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo
nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde
a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.
f) Non ter desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar
actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade,
nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da
Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de
alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos,
entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da clasificación
nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade
desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.
2.2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das
axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou
outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título
persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da
solicitude de subvención.
3. Persoas excluídas.
3.1. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades
laborais e os autónomos colaboradores.
3.2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta
orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter
subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento,
acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar
suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que
conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera
contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou
aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos
de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social
ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da
Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso
fiscal.
g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos
regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións
segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou
xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións
anteriores en calquera dos seus membros.
Tampouco poderá en ningún caso obter a condición de entidades beneficiaria as asociacións
incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica
1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das
cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais
de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non
se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no
correspondente rexistro.
3.3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean
excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego,
conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións
na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
4. Prazo para a presentación de solicitudes.
31/12/2021 – 30/09/2022
O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do
emprego autónomo contarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no
Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022. Se o último día de prazo é inhábil,
entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, cumprindo polo tanto o prazo mínimo
dun mes establecido no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
5. Solicitudes.
5.1. As solicitudes presentaranse no modelo de solicitude que figuran como anexo I (ver aquí)
xunto coa documentación e no prazo establecido nesta orde.
As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do
formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal/portada
5.2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento
administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas
presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa
presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da
solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
5.3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de
identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema
de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5.4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser
beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.
5.5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa ou entidade no caso de que algunha persoa
presentara unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese
resolta.
5.6. As solicitudes deberán acompañarse dunha declaración responsable de adecuación ao
principio de «non causar prexuízo significativo», no sentido establecido no punto 6) do artigo 2
do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de febreiro de
2021, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia, a dita declaración
responsable do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do not significant
harm-DNSH») realizarase atendendo o modelo que se recolle no seguinte enderezo electrónico
do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico
https://www.miteco.gob.es/es/ministerio/recuperacion-transformacion-resiliencia/transicionverde/cuestionariodnshmitecov20_tcm30-529213.pdf, seguindo as directrices recollidas na
Comunicación da Comisión Europea (2021/ C 58/01), «Guía técnica sobre a aplicación do
principio de «non causar un prexuízo significativo», en virtude do Regulamento relativo ao
mecanismo de recuperación e resiliencia.
6. Orzamento
6.1. As axudas previstas nesta orde para o exercicio económico de 2022 teñen un orzamento de
12.500.000 euros.
6.2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito
orzamentario adecuado e suficiente para este programa. De ser o caso, e de acordo co disposto
no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante
resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía
Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas
no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.
6.3. O Programa de promoción de emprego autónomo fai unha distribución provincial de
créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas e será directamente
proporcional á porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia a 31 de decembro de 2020,
segundo os datos de paro rexistrados do Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coa
seguinte porcentaxe: A Coruña, 40%; Lugo, 10%; Ourense, 11% e Pontevedra 39%. Se o
orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas,
aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para
estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou. No caso
de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que
correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.
6.4. Para este programa no suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao
número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, procederase a
realizar unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número
de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.
6.5. Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria que se tramitará
como modificación dela, segundo previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de
subvencións de Galicia, e o artigo 30 do seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8
de xaneiro, de maneira que o incremento de crédito estará condicionado á declaración de
dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de
crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo
crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
7. Contía da subvención.
Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como
persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa
actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de
beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento de inicio
da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á
operación coas seguintes contías:
a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos,
que non serán acumulables:
– Persoas menores de 30 anos.
– Persoas desempregadas de longa duración.
– Persoas desempregadas con discapacidade.
– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa
autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.
e) Persoas trans.
f) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto
Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo III.
Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense
todos os incrementos, sería de 10.000 euros.
Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en
caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada
coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún
colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.
8. Ligazóns relacionadas.
Programa do Bono das persoas autónomas 2022: https://www.asesoriamiramontes.es/programa-do-bono-das-persoas-autonomas-2022/
Orde das bases e convocatoria:
Diario Oficial de Galicia
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211230/AnuncioG0599-281221-0002_gl.html
Base de datos nacional de subvencións. Código: 602780
https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index
Sede Electrónica:
https://sede.xunta.gal/portada
Pingback: PROGRAMA DO BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS 2022 - Asesoría Miramontes